A práctica de calquera ciencia natural ten moitísimo de pescuda intelectual que persegue comprender en profundidade os fenómenos observados e a súas causas e, como corolario dese entendemento, xerar a posibilidade de controlalos para facelos (máis) útiles. Cal sería, entón, un bo consello que un investigador veterano podería darlle a un mozo que emprende a súa primeira peregrinación polos camiños da investigación en Química? Sen dúbida, que encha a súa mochila intelectual coa Lóxica de Aristóteles, as ensinanzas de Os Tres Príncipes de Serendip, a Mecánica Cuántica e a Táboa Periódica. E se carga tamén unha navalla de Ockham en vez dunha suíza, moito mellor.