[Resumo] O obxectivo desta comparación e estudo é o de demostrar como o punto de vista contemporáneo do autor é capaz de satisfacer o actual gosto do público. Dende a súa publicación en 1937, saíron do prelo diversas adaptacións desta obra de Jorge Amado, o que non fai máis que dar boa mostra da importancia deste libro na sociedade brasileira. Esta análise centrarase na adaptación homónima de 2012 realizada por Cecília Amado, neta do autor, por medio da cal nos achegaremos ao concepto de transposición á pantalla dunha obra literaria, abordaremos o que isto supón, en relación á fidelidade con respecto á obra orixinal, e examinaremos a finalidade coa que foi creada esta nova adaptación. En primeiro lugar procedeuse a facer unha breve introdución á figura do autor, tratando a continuación con algo máis de profundidade o libro en cuestión e os principais temas que aborda. A seguir, emprendemos unha pequena aproximación ao mundo das transposicións, comezando pola estreita relación e a constante influencia entre cinema e literatura, para continuar co proceso de adaptación desta obra en concreto. Por último procederemos a demostrar as discrepancias e semellanzas entre as dúas obras, sendo así esta comparación unha parte máis práctica, que será realizada por medio da análise de tres personaxes principais (Pedro Bala, Dora e Sem-Pernas) e de dúas escenas, precedida por unha breve introdución ás diverxencias e semellanzas entre novela e filme. Traballo fin de grao (UDC.FIL). Galego e portugués estudios lingüísticos e literarios. Curso 2016/2017