Back to Search Start Over

Sentimento de lugar e eucaliptos: unha aproximación interdisciplinar ao estado do monte en Galicia

Authors :
Martínez Cabrera, Helena
Rodríguez Rodríguez, Gonzalo
Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Publication Year :
2016

Abstract

Traballo Fin de Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación. Curso 2015-2016. Galicia non é un paraíso natural: é verde eucalipto. Ou piñeiro, como ben louba Pondal no himno galego. O IV Inventario Forestal Nacional, recollía que por primeira vez na historia, o 20% da superficie arborada de Galicia corresponde a poboacións de eucalipto, 2 puntos percentuais por enriba da seguinte especie máis común, a de piñeiro pinaster ou piñeiro do país. Os últimos datos dispoñibles falan de que un 51,2% da superficie arborada de Galicia corresponde na actualidade a plantacións forestais (Vallejo Bombín, 2011). O estado do monte en Galicia evoca cuestións sobre a causalidade. Por que o monte está así? A quen interesa? Por que a fuxida cara unha monotonía na paisaxe cando dende fóra vese Galicia como unha xoia natural? Por que a repoboación con especies de crecemento rápido, como o piñeiro e eucalipto está aceptada socialmente? Que fai falla para constituír un rural vivo? Dentro desa lóxica, este TFM-12 busca revelar como os cambios no monte galego, en especial o aumento das plantacións forestais para usos industriais nas derradeiras décadas poden ter influenciado na consideración do monte como significativo para a poboación. Identidade, construción dun rural vivo e interiorización dos cambios na paisaxe. Sobre estes tres eixos xira o traballo que a continuación presentamos. Lonxe de querer constituírse o mesmo como un alegato nostálxico do sistema agrario tradicional galego, trataremos de expoñer como a extensión do cultivo de especies forestais de crecemento rápido en Galicia pode estar poñendo en risco a sostibilidade futura e presente de todo o ecosistema, tanto no senso ambiental, económico como social. Farémolo dun xeito interdisciplinar. O noso obxecto de estudo será a aceptación xeralizada e en consecuencia a falta de comportamentos reactivos a grande escala en Galicia diante os cambios no estado do monte e o uso medrante do mesmo para a produción forestal con especies de crecemento rápido. En resumo, a aceptación da eucaliptización.

Details

Language :
Galician
Database :
OpenAIRE
Accession number :
edsair.od......1601..dfb2dcbc1d951ab6b7d153b417e9a604